Amosando publicacións coa etiqueta Contexto-Gonzalo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Contexto-Gonzalo. Amosar todas as publicacións

Tema 6, co profesor Gonzalo

 No sexto tema da materia das Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional tratouse o contido das programacións didácticas vixentes, continuando a introdución ao deseño curricular tratado no tema anterior. Ademais, este tema ten entre os seus contidos as unidades didácticas minimalistas e as programacións didácticas de xeito resumido. Se ben non puiden asistir a esta sesión do día 12 de decembro por motivos de saúde, a comunicación con compañeiros e compañeiras do mestrado resultou crucial para non perder nada deste tema. Nun mestrado no que todos os contidos, non só desta única materia, senón de todas, van a gran velocidade, perder unha ou dúas clases seguidas pode ser bastante problemático. Malia non estar presente, vou ir facendo un diario das dinámicas que me contaron que se foron tratando ese día e reflexionando sobre a miña impresión delas. 

Pasando xa a pormenorizar o tratado na clase, esta comezou cunha dinámica coñecida como think, write, pair and share, a cal me parece moi interesante para determinar o coñecemento previo do alumnado sobre a temática que se vai impartir. De feito, paréceme unha estratexia útil para alumnado de secundaria, xa que funcionaría á vez como método rápido de avaliación diagnóstica e tamén axudaría ao alumnado TDAH a entrar mellor na dinámica do día. Unha das cuestións que se tratou durante este intre de posta en común de coñecementos foi a utilidade dos certificados de linguas á hora de optar a un traballo ou de opositar. Non o sabía, pero resulta que contan positivamente á hora de facer unha substitución. No caso das titulacións emitidas polas EOI, estas poden contar ata 0,5 puntos de ser dun nivel avanzado (C1 ou C2), e tamén serían valoradas certificacións doutros organismos como Camões, Cambridge ou a Alliance Française. 

Co gallo de estar falando de como inflúen os certificados de lingua nas listas de substitución, tamén se afondou no propio funcionamento destas. A competencia das oposicións, organización e convocatoria pertence ás Comunidades Autónomas. Para entrar nunha listaxe de substitución existen dúas maneiras: por unha banda, pode ser aprobando algunha das partes dos exames de oposición (se se aproban a parte segunda ou terceira obtense unha mellor posición), por outra, se á administración se lle esgotan as persoas pode convocar de xeito extraordinario. A verdade é que non tiña nin idea disto; sorprénderame no seu momento saber que era posible aprobar unha oposición e non obter praza, pero bueno, agora alégrome de saber que se pode entrar na lista de substitución polo menos. 

Finalmente, nesta introdución do tema tamén se mencionaron outros méritos que axudan a mellorar posicións. Alén do expediente académico, entre eles atopamos outras titulacións, experiencia docente, cursos homologados pola Consellería ou universidades e coñecementos de lingua estranxeira. Neste caso en concreto non me sorprende moito, xa que vendo os requisitos de méritos para ser auxiliar de conversa (o máis parecido que coñezo de procesos selectivos por méritos) son moi semellantes. 

A clase continuou vendo un ficheiro sobre as principais características das oposicións. Aprendeuse que o tribunal está composto por 5 integrantes, pero que podería constituírse só con 3. Despois, pasouse á estrutura pormenorizada das probas. A primeira proba conta con dúas partes, unha centrada en exercicios prácticos e unha segunda parte sobre o desenvolvemento dun tema elixido da especialidade. En total, 5 horas entre ambas partes. No caso da segunda proba, deberase primeiro presentar e defender unha programación didáctica e, na segunda parte, a famosa “encerrona”, unha hora para a preparación dunha unidade didáctica. Esta “encerrona” é obxecto dos maiores medos que xeran as oposicións; unha hora máximo para traballar, tendo que decidir que materiais é adecuado levar e estando baixo o ollar do tribunal, cuxo papel é de mero observador durante esa hora. Oíra unha vez mencionar esta temida parte dos exames, pero non sabía en detalle en que consistía. Sen dúbida, os exames de oposición son probas cun nivel de esixencia alta en contidos, pero este tamén se incrementa polo mero feito de como son estas probas, do que se xogan as persoas aspirantes e o elevado nivel de competencia que existe. 

Pero entón, como se pode acceder á fase de concurso? Un dos primeiros requisitos é o de obter un mínimo de 5 puntos na fase oposición. Porén, como xa mencionei ao comezo, é posible que ao haber máis aspirantes que prazas ofertadas, esta nota non sexa suficiente, xa que quen obteña unha maior terá preferencia. 

Unha vez dada esta explicación sobre o proceso das oposicións, a nosa tarefa neste tema será a elaboración dunha unidade didáctica para a materia de lingua estranxeira de primeiro da ESO. A principal novidade fronte á outra que tivemos que facer para a materia de deseño curricular do módulo común é que se trata dunha unidade feita conxuntamente entre toda a clase; cada minigrupo ten que encargarse dun apartado específico e logo poñelos todos en conxunto nun documento común. Malia que valoro moi positivamente que este tipo de tarefa se faga en grupo, creo que o feito de que sexa xa a segunda unidade didáctica que temos que deseñar mostra a falta de coordinación que existe entre estas dúas materias do mestrado.


Tema 5, co profesor Gonzalo

Na materia das linguas estranxeiras no contexto español e internacional adicamos 3 sesións a tratar o tema 5, cuxos contidos se refiren ao deseño curricular base para as linguas estranxeiras. O primeiro que tratamos na primeira sesión foi un repaso das competencias clave incluídas na LOMLOE. Aínda que xa as coñecíamos porque formaban parte dos contidos da materia de deseño curricular que tivemos no módulo común, considero que o repaso destas foi adecuado para o desenvolvemento da actividade práctica que realizamos máis tarde neste quinto tema. 

Tras a introdución das competencias clave continuamos cun repaso sobre os graos de concreción curricular, algo que tamén estudamos en deseño curricular. Porén, a estes niveis engadimos novos tipos de clasificacións que ata o momento descoñecíamos. Considero importante coñecer que existen diferentes xeitos medir a concreción curricular, sobre todo porque isto nos facilitará de cara ao futuro a correcta interpretación e comprensión dos documentos. Cómpre mencionar que á hora de tratar a teoría sobre o decreto que establece que o currículo de linguas estranxeiras na ESO e no Bacharelato, afondamos moito máis neste aspecto do que fixeramos en deseño curricular, polo que, como futuras docentes de lingua estranxeira, chegamos a ter maiores detalles sobre estes pormenores para preparar mellor as unidades didácticas. A maiores, tratamos páxinas de información específica sobre FP, algo que non tratamos de forma diferenciada no módulo xenérico. 

Tras esta explicación puramente teórica, a actividade práctica ocupounos o final da sesión e a totalidade da sesión seguinte. En minigrupos de entre catro e tres persoas, asignámonos unha sección específica do currículo para que cada grupo a analizase en profundidade. No caso do meu grupo era como se trataban as linguas estranxeiras no currículo da ESO, desde aspectos xenéricos ata medidas de adaptación curricular, tratamento da diversidade e inclusión na aula e sistemas de avaliación. Ademais, debíamos autoavaliarnos o noso propio traballo seguindo uns criterios previamente establecidos polo profesor, e explicar e xustificar que competencias estivemos mobilizando na realización do propio traballo. 
 
Durante o que quedou da primeira sesión adicamos todo o tempo a seleccionar os apartados do currículo que se correponden co obxectivo do noso traballo. Iso foi a parte máis sinxela, porque logo veu a parte de lelos, entendelos e simplificalos. Esta parte xa comeza coa segunda sesión da materia, e abranguiu case a primeira metade da clase. Non foi sinxelo resumir e simplificar extensos paragráfos de linguaxe xurídica en frases de curta extensión e cun vocaabulario máis asequible e comprensible para calquera persoa, de aí que fose unha parte que nos tomou tanto tempo. Como o tempo apremiaba, e despois diso tiñamos que expor o noso traballo ao resto da aula, mentres dúas persoas do noso grupo sintetizabamos os fragmentos xurídicos, outra compañeira ía creando unha presentación PowerPoint e introducindo o contido nas diferentes diapositivas. Aínda que era un traballo un pouco estresante pola rapidez coa que había que realizalo, foi un bo xeito de poñer a proba a nosa capacidade de traballo baixo presión. Isto forzounos a delegar tarefas entre diferentes integrantes integrantes do grupo, o cal non sempre é fácil. Pola miña experiencia con traballos en grupo, moitas veces pasaba que ao termos un prazo de entrega extenso, en vez de dividirnos as tarefas faciamos todas as persoas a mesma parte conxuntamente. É obvio que isto ten os seus beneficios porque mellora moito a calidade do traballo, pero tamén é certo que aumenta considerablemente o tempo de duración do mesmo. Que este traballo nos obrigase a delegar entre integrantes do grupo aumentou a nosa cohesión e confianza mutua. 

Unha vez todos os grupos rematamos as nosas presentacións, procedimos a expoñelas ao resto da clase. Neste punto o máis interesante foi o feito de termos que autoavaliarnos, algo que nunca fixeramos na nosa etapa universitaria. Outro aspecto de interese foi que cada grupo tiña o encargo de avaliar a outro, algo que si vira excepcionalmente noutra materia durante a etapa do grao, pero ao que tampouco se lle asignara o mesmo tempo e concreción como nesta presentación. 

O feito de que cada grupo tratase unha parte diferente do currículo e o expuxese ante a clase puxo en práctica un modelo de aprendizaxe cooperativa que nunca tratara ata o momento na miña ensinanza previa. Paréceme un modelo adecuado para implementar no futuro nunha aula de lingua estranxeira porque implica activamente ao alumnado, o cal soluciona un dos maiores problemas do noso sistema educativo actual: o abuso de métodos de ensino tradicional. 

Xa na terceira sesión deste tema ocupamos os primeiros minutos para unha última presentación que quedara pendente da sesión anterior e logo metímonos de cheo nunha sesión teórica sobre como se regula o currículo das Escolas Oficiais de Idiomas. Ao igual que mencionei antes, foi algo non abordado nas sesións de deseño curricular, polo que foi importante que se tratase o tema nalgún momento do mestrado. Despois a explicación, tratamos o contido aprendido a través dun cuestionario interactivo de Kahoot. Isto foi ben interesante e divertido, sobre todo porque serviu para activar a nosa enerxía de grupo tras unha explicación teórica; de novo, algo que empregaría eu de cando en vez como docente. 

Finalmente, a última actividade que realizamos no que quedaba de aula foi, nos minigrupos das sesións anteriores, elaborar unha presentación entre toda a clase enteira. Cada grupo xestionaba dúas diapositivas relativas a un aspecto concreto do currículo das EOI, e logo expoñíamolo ao resto da clase. Outra vez, esta actividade demostrou que é posible chegar a realizar de xeito exitoso un traballo grupal, nesta vez a maior escala, implicando non só a tres ou catro persoas, senón implicando a todos os grupos á vez.

Benvides

Benvides!