Ola, douvos a benvida a unha nova entrada! Neste caso correspóndese co terceiro tema da materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. O título do tema é: Estratexias de comunicación. A comunicación oral e escrita e o seu tratamento na aula. Procedementos para o fomento das habilidades comunicativas na aprendizaxe de linguas estranxeiras. E ata aquí chega. Sei que parece un nome longuísimo e moi descritivo, pero non por iso este tema é máis difícil nin máis longo que os outros.
Unha das primeiras cousas das que falamos foi das actividades de mediación. Este concepto é bastante novo e descoñecido para nós, xa que a implantación destas está sendo algo bastante recente, polo que non traballamos con este tipo de actividades durante o noso proceso de ensino. Ao principio tivemos bastantes dúbidas e confusións sobre o procedemento a seguir á hora de confeccionar unha mediación, pero todo quedou claro cos exemplos. O importante a ter en conta nunha mediación é a transmisión de información, non sendo necesario chegar a un acordo. Como nos di a web do Instituto Cervantes, nas actividades de mediación a persoa usuaria debe actuar como mediadora ou intermediaria entre persoas que non se poden comunicar de forma directa ou que non dispoñen do mesmo tipo de información.
Entón, cal sería un exemplo de actividade de mediación? Pode haber infinitos, pero no noso grupo traballamos un moi concreto: a temática do cine. Basicamente a nosa actividade consistía en proporcionar ao alumnado, preferentemente en parellas, unha carteleira completa de cine, para que cada participante escollese unha película e lle transmitise unha serie de datos conncretos dela á súa parella e viceversa. O foco desta actividade non está en que escollesen unha película concreta; tratar de convencer á persoa contraria non é mediación.
Esta clase de actividades son máis comúns en forma oral, xa que se prestan moi ben para exames orais, aínda que tamén poden existir como actividades escritas. O importante radica na correcta transmisión de información. Xa cando falamos do nivel da actividade segundo o MCER, isto dependerá do grao de procesamento da información que teñan que realizar as persoas participantes.
Unha vez tratadas as actividades de comprensión, é agora a quenda das actividades de comprensión. A comprensión pódese dar a través da lectura e/ou escoita extensiva, na que os obxectivos poden ser a captación de ideas principais (skimming) ou a busca de información específica (scanning). No caso das actividades de comprensión escrita, estas poden ter como finalidade predicir contido, poñer títulos, localizar información, traballar vocabulario, cohesión de texto ou resumir, entre outras. Para pór isto en práctica, deseñamos un exemplo de actividade na que, a través dunha conta real dunha influencer, o alumnado tiña que buscar léxico relacionado co canon de beleza, así como traballar a súa expresión oral debatindo sobre esa temática.
Pódese dicir entón que a escolla de recursos adecuados resulta crucial para a elaboración dunha actividade de comprensión e, segundo o grao de dificultade dos mesmos, establecer un nivel. Entre os exemplos tratados durante a explicación na aula, chamoume especialmente a atención o termo “explotación didáctica” nesta clase de actividades. É por iso que quixen traer un exemplo que atopei neste blog de ELE, no cal se detalla como unha actividade pode tratar moitas destrezas á vez. No caso desta actividade vese como deben ditarse as partes da receita uns participates a outros, polo que están a traballar a comprensión oral e a escrita.
Finalmente, o terceiro tipo de actividades que tratamos neste tema tres son as actividades de expresión e interacción, que tamén poden ser orais ou escritas. Un dos maiores impedimentos que atopamos á hora de implantar estas actividades é o feito de que ocupan moito tempo e requiren unha atención personalizada que non sempre é posible debido as elevadas ratios de alumnado por aula ou falta de tempo para dar o temario completo, entre outros. Porén, existen exemplos de actividades que se poden levar a cabo de xeito máis breve sen que for necesario, como cadeas de chats, reseñas breves ou blogs colaborativos. O importante é que se produza interacción, que non esquezamos que a RAE define como a acción que se exerce reciprocamente entre dous ou máis obxectos, persoas, axentes, forzas, funcións… Isto quere dicir que a actividade debe implicar a un mínimo de dúas persoas e,ao igual que nas anteriores, pódese plantexar para distintos niveis.
E aquí remata o contido tratado neste tema. Como podedes ver, trátase dunha batería importante de actividades que se poden empregar perfectamente nunha aula de linguas estranxeiras en secundaria. Cómpre salientar que este tipo de actividades non se centran exclusivamente nunha única destreza como acontece coas clásicas actividades de gramática, senón que abranguen varias á vez, o cal se asemella máis ás situacións reais que o alumnado vivirá empregando a lingua no seu día a día.
6 comentarios:
¡Hola, Marta! Tu entrada me ha parecido muy interesante. Respecto a lo que comentas acerca de la confusión al realizar la tarea de mediación, yo también estaba un poco perdida, ya que hasta el momento no había tenido que enfrentarme a ello ni me habían explicado con claridad de qué se trataba exactamente.
Por otra parte, me parece muy acertado lo que comentas de que la elección de recursos adecuados es crucial para elaborar actividades. Yo también llegué a esta misma conclusión, como comento en mi entrada. Precisamente por ello, me pareció muy útil tener que crear actividades nosotras mismas, ya que así pudimos darnos cuenta de la importancia de cada detalle y de la necesidad de ponerse en la piel de nuestro alumnado.
Ola, Marta!
Antes de nada gustaríame comentarche que a túa entrada me resultou moi interesante de ler, e penso que recolliches dun xeito moi acertado as actividades realizadas na clase.
No tocante a este tema penso que, como indicas, nos resultou moi útil aprender novos conceptos, como pode ser o de medicación e aprender a crear actividades dende cero para un alumnado concreto.
Ademais, tal e como indica Arantxa, considero que é completamente certo que a elección de recursos adecuados para poder realizar actividades de calidade co alumnado é esencial, xa que de non ser así non estariamos realizando un bo traballo.
Unha saudiña! 😀
Ola, Marta:
Gustoume moito a túa entrada, está moi organizada!
Igual ca ti, para min o das actividades de mediación era un pouco confuso. Porén, agora téñoo máis claro. Creo que a actividade que fixeches do cine é un exemplo moi bó de actividade de mediación, xa que permite que o alumnado traballe nun contexto real e moi común. Tamén me pareceu pertinente o apunte sobre a explotación didáctica xa que, coma ben dis, é crucial escoller material axeitado. No caso da expresión oral sobre o canon de beleza da influencer, paréceme moi boa idea porque é un tema que ten moito contido para un debate.
saudiña
Boas, Marta! A túa entrada pareceume moi interesante e fíxome reflexionar un pouco sobre a miña propia experiencia como estudante de linguas estranxeiras ó longo do tempo; especialmente na educación secundaria. Penso que a maioría de nós estamos moi acostumados e acostumadas a esas clásicas actividades de gramática que ti mencionas. Persoalmente, a miña aprendizaxe de inglés e de francés no instituto xiraba arredor de exercicios tipo "fill in the blanks", xa fora para practicar a gramática, os tempos verbais ou o vocabulario. Grazas ás actividades de mediación, comprensión e demais que creamos na clase, agora teño claro como facer para traballar adecuadamente a lingua co alumnado achegándome sempre a esas situacións reais das que ti tamén falas. É un tema moi importante que me parece que nos vai axudar moito nun futuro que non queda tan lonxe, posto que xa mesmo comezamos o período de prácticas e podemos empezar a integrar estas actividades nestes meses que temos por diante. Un saúdo!
Ola, Marta!
Creo que expresaches de maneira moi acertada todo o que vimos ó longo destas sesións e comparto moitas das túas reflexións con respecto ós seus contidos.
O certo é que, cando Cristina nos propuxo crear as nosas propias actividades de mediación, a min pilloume bastante desprevida porque, malia ter os coñecementos teóricos, non sabía moi ben como levar á práctica a mediación. Como ti dis, tratábase dun concepto bastante descoñecido para min, e menos mal que se nos presentou esta oportunidade para poder afianzar un pouco o desenvolvemento deste tipo de actividades, así como tamén daquelas actividades máis de comprensión e expresión. Coido que, ó empregar exemplos reais e actividades elaboradas por nós mesmas estamos dando pequenos pasos cara adiante no noso camiño como docentes. Teño claro que seguirei formándome para poder dar a mellor versión de min ó meu futuro alumnado, comezando por revisar o exemplo que achegas sobre a explotación didáctica, un concepto co que non estaba nada familiarizada e que me chamou bastante a atención cando o mencionaches.
Saudiña!
Publicar un comentario