Didáctica das Linguas Estranxeiras, tema 1 co profesor Gonzalo

Ola de novo! Moi feliz 2023. A primeira entrada deste ano vai adicada ao primeiro da materia Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras, cuxo título é Situacións e Variables do Ensino das Linguas Estranxeiras. 

Para tratar esta temática empregamos dúas sesións os luns da segunda e terceira semana de xaneiro. O primeiro que tratamos foron as similitudes e diferenzas que existen na aprendizaxe dunha lingua materna e dunha lingua estranxeira, o que se denominan contextos de adquisición. Esta temática comezou cunha introdución teórica sobre as linguas na cal xurdiu un dos grandes dilemas deste ámbito: debemos empregar a denominación “lingua materna”? Como nos indica a definición do Instituto Cervantes, esta é a que aprende un ser humano na súa infancia e a que devén no seu instrumento natural de pensamento e comunicación. Porén, existen casos nos que unha persoa pode medrar con dúas linguas ao mesmo tempo, polo que non contaría cunha única lingua materna. 

Para tratar esta temática de xeito máis práctico, empregamos a técnica dos diagramas de Venn. Foi moi curioso, porque cando se introduciu ese concepto na aula quedamos en xeral con bastante expresión de sorpresa, xa que case ninguén lembraba en que consisten. Algunhas persoas tiñamos nocións vagas do concepto a través das clases de matemáticas da secundaria, pero realmente era un concepto novo aplicándoo ao tema das linguas. A actividade que fixemos relacionada con isto consistía en facer, primeiro individualmente, e logo nos minigrupos, unha recompilación dos aspectos que difiren e converxen no proceso de adquisición da lingua inicial e dunha lingua estranxeira. Isto levouse a cabo a través dun proceso piramidal, xa que comezabamos pensando nestes aspectos primeiro de xeito individual, logo compartímolo entre os minigrupos e finalmente puxémolo en común con toda aula, co cal creamos unha táboa bastante completa con estas características. 

Como xa mencionei antes, non empregara os diagramas de Venn desde a secundaria. Porén, o feito de que mostran a información dunha forma visual e gráfica paréceme moi apropiada para este tipo de ensinos. Sempre se afirma sobre a necesidade de evitar explicacións teóricas extensas (a chamada “chapatoria”) e buscar novos xeitos de que o alumnado poida establecer relacións entre os diferentes datos que se lles transmiten. Ademais, véxoa moi apropiada para alumnado con necesidades especiais, como é o caso do TDAH, xa que transmite unha perspectiva moito máis clara da información. E ata aquí dura a nosa primeira sesión.

Xa no segundo luns de clase empregamos catro horas e non só dúas, polo que tratamos máis contidos na aula. Unha das primeiras cousas que fixemos foi atender a unha breve explicación sobre os contextos de uso da lingua inicial (L1), da lingua  segunda (L2 ou ambiental) e lingua estranxeira (L2). Este tema pode parecer obvio, pero hai que ter en conta que o contexto en que empreguemos unha lingua fará depender como denominemos a esa lingua. 

Posiblemente moitas das persoas que esteades lendo isto lembraredes unha das polémicas políticas que houbo cando a nova lei educativa, a LOMLOE, eliminou a mención ao castelán como lingua vehicular do sistema educativo. Co gallo deste debate, moitas persoas escoitaron e aprenderon por primeira vez este termo, pero, que significa realmente? Segundo a RAE, consideramos como lingua vehicular a aquela usada habitualmente por unha comunidade nas súas relacións cando existen diversas linguas entre as persoas participantes e equivale ao tradicional concepto de lingua franca. Malia parecer clara a definición, atopamos maior confusión á hora de distinguila do concepto de lingua de traballo. Este caso tratámolo cun exemplo dun grupo de xente que provén de diferentes países e se atopa puntualmente nunha feira económica. Neste caso, estas persoas terían que tomar os primeiros minutos da súa xuntanza para decidir que lingua empregar, moi probablemente tendo en conta as linguas maternas que teñen en común, que linguas estranxeiras falan, entre outros. Pero é unha situación tomada no propio momento, mentres que a lingua vehicular xa está normalmente establecida a través de leis e estatutos. Como exemplo disto, saíu o feito de que en Galicia considérase o galego como lingua vehicular do sistema educativo, de aí que as páxinas web de centros escolares e das EOI estean só en galego. 

Unha das actividades máis curiosas que fixemos foi elaborar o noso repertorio lingüístico. Seguindo o modelo piramidal, xa tradicional nesta materia, elaboramos o noso repertorio individual e logo o repertorio común e individual da clase. É curioso, pero eu nunca pensara no feito de que á hora de falar das variedades lingüísticas que coñecemos fose adecuado clasificalas segundo nivel. Porén, ten todo o sentido do mundo, porque si que é certo que no meu caso entendo e falo perfectamente o español de Galicia e só entendo o español chileno (onde teño familia), pero non podo reproducilo. E o mesmo acontece cando escoito ou leo diferentes variantes do galego que non sexan a da miña zona e a estándar. 

Por último, cómpre mencionar que aprendimos o concepto de placemat, o cal, polo menos eu non coñecía de nada. Como nos indica o dicionario de Oxford, estes termos por separado refírense a un pequeno mantel. No caso dos termos xuntos adquiren un sentido diferente e usámolos na actividade da aula para clasificar as diferentes respostas acerca do tema do repertorio lingüístico en grupos de catro e cinco persoas. Pareceume moi interesante á hora de propor traballos en grupo na secundaria, xa que organiza moi visualmente as diferentes respostas, o cal axuda a dinamizar este tipo de traballos que habitualmente resultan problemáticos con adolescentes. Achego a imaxe do placemat que elaboramos no noso grupo:


 

3 comentarios:

Laura Cordeiro Portela dixo...

¡Hola, Marta!
¡Paréceme moi interesante a túa entrada! Como eu, ti fixácheste nos posibles usos no ensino e aprendizaxe deste tipo de ferramentas (por exemplo, o diagrama de Venn) nas clases con alumnado con necesidades especiais. Estou totalmente de acordo contigo. Podo dicir por propia experiencia que esta forma de traballar pódelles axudar de verdade. Anteriormente tiven alumnado con TDAH e adoitábamos enfocar as sesións que lle impartían no instituto dun modo un pouquiño máis lúdico mediante o uso deste e doutros tipos de ferramentas. Así, isto aportou moitos beneficios, coma o aumento da concentración, o análise de datos, e unha visión esquemática e ordenada do tema a tratar.
A verdade, agradecín o traballo con este tipo de recursos, xa que aprendemos a utilizar unha ferramenta moi versátil que pode axudar ao alumnado con necesidades especiais en moitas áreas do coñecemento.
¡Un saúdo!

Tais dixo...

Ola, Marta! :)

Encantoume ler a túa entrada, creo que é moi clara e directa e que, ademais, es subxectiva falando sobre todos os temas que tratamos.

Desta entrada gustaríame destacar a mención que fixeches sobre o concepto de lingua vehicular. Creo que é un termo moi confuso, xa que mesmo eu non tiña moi claro este concepto ata hai ben pouco. E todo comezou coa polémica da nova lei educativa en canto a este concepto. De feito, gustaríame comentar que moitos medios beneceficiáronse idiolóxicamente tras a confusión do termo "lingua vehicular".

Saudiña :)

Tamara Malvar dixo...

Ola, Marta!

Parabéns pola entrada, coido que está súper completa e achega moitos aspectos interesantes. Coincido contigo na túa reflexión sobre as actividades que levamos a cabo durante estas sesións, penso que son moi dinámicas e, precisamente, resultarían moi útiles nunha aula con alumnado con necesidades especiais. A verdade é que, aínda que coñecía os diagramas de Venn, nunca se me ocorrera unha maneira tan activa de introducilos nunha aula de linguas, xa que a miña percepción dos mesmos limitábase ás materias de ámbito científico. Isto fíxome reflexionar moito sobre aqueles coñecementos que nós temos tan asimilados ou asociados a certos ámbitos que pensamos que non resultan de interese para ninguén, mais se lle damos unha volta o máis seguro é que alguén agradeza que llos compartamos. É importante que, como futuras docentes, non demos nada por sabido nin por feito, xa que dese xeito poderemos chegar a un número maior de alumnado.

Saúde!

Benvides

Benvides!