Como última entrada para a materia das Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional, gustaríame tratar uns temas cando menos curioso que foron mencionados na aula. Falouse do feito de que a representación dos sons dos animais varía segundo a lingua, e o mesmo pasa cos refráns, que adoitan ter significados semellantes pero que son moi diferentes de forma escrita. Pois, imos aló.
Para comezar, é evidente que todas as persoas que cursamos este mestrado sabemos que os sons de animais son representados por onomatopeas, palabras que imitan o son que se está a escribir. O aspecto máis rechamante disto é que esas onomatopeas non son iguais en todas as linguas, nin sequera en linguas cunha orixe común como as romances.
Pero, por que acontece isto? Acaso os animais falan linguas? Non, non é exactamente iso, pero como nos indica esta interesante páxina web, o que cambia é a interpretación que as persoas facemos dos diferentes sons segundo a cultura. Porén, están os animais emitindo sons diferentes? Non precisamente, se atendemos a como se representan estes sons, veremos que en galego o miañar dun gato é representado cun “miau”, mentres que en inglés se escribe como “meow” e no xaponés como “nyan”. Calquera que se pare a facer o exercicio de pronunciar estas onomatopeas comprobará que a variación dos sons é mínima ou case indetectable. Realmente o fenómeno que estamos a presenciar podería denominarse un caso de tradución desas palabras; do mesmo xeito que o vocabulario varía segundo a lingua, o que está acontecendo é que se axusta esta representación ás regras do idioma en concreto.
Para finalizar este breve tema, paréceme interesante engadir algúns exemplos que a web Animales Políglotas nos achega sobre as onomatopeas en diferentes linguas:
Can:
Italiano: Bau
Islandés: Voff
Romanés: Ham
Ruso: Gav
Holandés: Blaf
Francés: Waouh
Parrulo:
Romanés: Mac
Danés: Rap
Turco: Vac
E así podería seguir con decenas de casos segundo o animal e a lingua, pero con estes xa serve para exemplificar esta curiosa realidade. É así, as linguas son diferentes e están influenciadas pola(s) cultura(s) nas que se desenvolveron. Unido a este tema atopamos o caso dos refráns, que experimentan unha variación considerable segundo o idioma.
Segundo o Instituto Cervantes, hoxe en día por desgraza son o gran descoñecido dos estudos lingüísticos, e tamén afrontan serios riscos de sobrevivir, xa que o seu uso veu reducíndose desde hai anos. Son manifestacións e tradicións populares, construccións ideolóxicas que pretenden reflectir aspectos importantes dun pobo e axudar a crear un xeito de comunicación propio entre as persoas que o integran. Reproducen definicións sociais, formas de pensar, roles e estereotipos extendidos na cultura en cuestión. Son de uso popular e practicamente inexistentes no rexistro formal.
En termos lingüísticos e máis amplos, estes forman parte dos estudos de paremioloxía. As formas paremiolóxicas, como apunta o Instituto Cervantes, consisten en “frases breves e de carácter sentencioso, con características que encamiñan cara a instrrución, a ética, a moral”, entre outras. Entre eles podemos atopar proverbios, adaxios (regras de comportamento), aforismos (verdades incuestionables), axiomas (proposicións que non precisan de ser probadas), máximas, preceptos e sentenzas (que adoitan ter función moralizante) e ditos como frases feitas ou modismos.
Como aspirantes a docentes de lingua estranxeira non podemos descoñecer os refráns nin esquecelos durante o noso traballo na aula, xa que o alumnado estaría a perder unha parte crucial da lingua meta. Pero é importante saber que a tradución directa carece de sentido á hora de estudar esta clase de expresións, porque a coincidencia desta co refrán da lingua estudada é unha excepción rara vez vista. Para visibilizar mellor esta realidade, achego uns casos de refráns franceses co seu respectivo equivalente en castelán extraídos desta páxina web:
Autre temps, autres mœurs.
Tradución literal ao galego: outros tempos, outros modos
Equivalente en español: año nuevo, vida nueva
Chercher midi à quatorze heures
Tradución literal ao galego: buscar o mediodía ás 14 horas
Equivalente en español: buscar tres pies al gato
Pero, a que se debe que os refráns sexan tan diferentes en linguas cunha mesma orixe e que están próximas xeograficamente? Ao igual que acontecía coas onomatopeas dos animais, estes reflicten as características concreta da cultura na que se orixinaron. Cambian ao longo do tempo, adquiren novos significados e perden outros, readáptanse, uns desaparecen e outros novos aparecen. É por iso que son diferentes, o cal se pode apreciar claramente no segundo caso: mentres que por ser un dos lugares máis occidentais de Europa en Galicia é común comer ás 2 da tarde e denominar ese momento como mediodía (acontece sobre todo en persoas maiores), en Francia sería impensable que isto sucedese, de aí que necesitemos vocabulario completamente diferente para reflectir unha situación parecida.
Tanto o tema das onomatopeas como o dos refráns resultáronme interesantes xa no meu pasado no grao. Acho como algo bastante común o feito de que persoas que estudamos filoloxía ou tradución teñamos nalgún momento curiosidade por estes aspectos, e mesmo hai quen adica un doutoramento a esta temática. Se ben para a nosa vida profesional a linguaxe formal vai ter un elevado valor, cómpre tamén adicar parte do noso tempo a descubrir máis sobre a fala popular e facer por conservala e transmitila, senón as linguas corren o risco de perder a súa personalidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario