A xenoglosofobia, en que consiste? Tema 1, coa profesora Carla


Ao longo da nosa vida imos descubrindo e atopando novos medos que, a non ser que nos coincidise coñecer a alguén da nosa contorna que os padeza, probablemente nin pensaríamos que estes existen. É común que coñezamos os máis habituais, como a claustrofobia, a agorafobia ou a fotobia, pero posiblemente moites de vós rara vez escoitastes falar da xenoglosofobia. 

Efectivamente, esta nova e longa palabra, que non debemos confundir con xenofobia malia que as dúas empecen por x, fai referencia ao medo a falar unha ou varias linguas estranxeiras. Analizando os seus compoñentes morfolóxicos, atopamos que “xeno” e “gloso” proveñen do grego e que o primeiro significa literalmente “estranxeiro” (de aí o posible recordo da xenofobia) e o segundo “idioma”. Pero, e que experimentan aquelas persoas que padecen esta fobia? Pois, como atopamos nesta páxina web, un recente estudo do ano 2020 sinala que entre os síntomas atopamos “ansiedade extrema, pavor, e calquera cousa relacionada co pánico como falta de alento, latidos irregulares no corazón, suor excesiva, náuseas, boca seca e tremores”. Sen dúbida, son síntomas para nada agradables e entre os cales seguro que atopades algún que vos resulte facilmente identificable por calquera situación que poidades ter vivido ao longo dos anos. Pero, imaxinades que isto vos pase sendo estudantes de lingua estranxeira? Pois é xustamente isto o que podería experimentar algunhe des noses estudantes; é conveniente que como futures docentes coñezamos o que implica e saibamos como actuar ante unha situación do estilo na aula. 

Cómpre ter en conta que os síntomas mencionados anteriormente non teñen por que producirse todos á vez ou no mesmo grao de intensidade en todos os casos, senón que depende e varía segundo as circunstancias persoais de cada estudante. Como se concretiza nesta web especializada en psicoloxía, a propia situación de plantexar a aprendizaxe dunha lingua allea nunha aula trátase dunha “proposta psicolóxica profundamente inquietante”, porque obriga ao estudantado a enfrontarse a unha situación na que poden perder a capacidade de comprensión, isto é, sentir unha total vulnerabilidade pola falta repentina de habilidade comunicativa. Ademais, unha lingua nova implica na meirande parte dos casos un cambio de código intercultural intenso, isto é, non é posible expresarse do mesmo xeito nunha lingua que noutra; os sentidos das palabras, por moito que conten con tradución literal na nosa lingua materna, adoitan ser percibidos de forma máis allea, o cal reforza o sentimento de atoparnos ante unha realidade á que non pertencemos. 

Este medo repentino é altamente perxudicial para o desenvolvemento do alumnado nunha aula de lingua extranxeira. Isto propicia que a consolidación de contidos base sexa especialmente difícil e os saberes facilmente esquecibles, polo que acadar o perfil de saída establecido polo currículo non sería posible de non revertirse esta dinámica. Outro dos feitos que provoca a xenoglosofia é que aquel que a padece mostre pasividade na aula e pouca ou nula participación. Isto non só implica que non se produza avance na aprendizaxe, senón que tamén pode influir negativamente na percepción que o grupo terá desa persoa concreta. Así, pode ser percibida como pouco competente, máis tensa, menos confiable e menos atractiva entre o grupo. 

O mencionado no anterior parágrafo denota que as fondas implicacións desta fobia non só afectan ao nivel de estudos, senón que tamén teñen unha forte influencia no desenvolvemento psicolóxico de quen a padece. Dado que no noso futuro como docentes estaremos máis probablemente en cursos con adolescentes que con adultos, o feito de que poidan sufrir un caso do estilo durante unha etapa xa de por si complicada na súa vida vai supor un engadido de dificultade na aula.  

Pero entón, a que se debe tratar este tema hoxe? Esta entrada enmárcase dentro do tema un da materia das Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional. Neste tema fixemos un repaso inicial sobre como ao longo dos anos as leis educativas deste país trataran ás linguas estranxeiras no sistema educativo. Durante esta explicación decatámonos que desde o ano 1900 había un patrón que se repetía en cada texto lexislativo: a importancia de que a lingua meta fose vehicular na aula de lingua estranxeira. Porén, cando nos adicamos a observar a realidade, vemos que mesmo 122 anos despois esta prerrogativa segue estando infratraballada. Malia que puidésemos pensar nun primeiro momento que a culpa é do profesorado, pódese argumentar facilmente que se recibiron educación nun sistema no que non se lle daba un trato adecuado ás linguas estranxeiras, estes non poden por si sós cambiar todo desde cero. Unha vez exposto o contraste entre o lexislativo e a realidade, na aula tratáronse outros temas que aumentan a dificultade e entre eles saíu o da xenoglosofobia. É un tema do que nunca escoitara falar no Grao en Linguas Estranxeiras, porén considero que calquera aspirante a docente debe coñecelo e por iso me propuxen afondar un pouco nel. 


Actividade extra!

 Este código QR agocha un quizz interactivo feito con Kahoot para o noso curso de inglés como primeira lingua estranxeira en segundo da ESO. Consiste de opcións de escolla múltiple para completar frases con expresións idiomáticas referidas ás cores. Esta actividade é dun nivel superior ao esixido no curso, polo que se enmarca dentro das actividades de ampliación curricular nesta unidade

Contextualización das actividades para 2º da ESO

Como xa puidestes ver na infografía e nas tres publicacións que lle seguen, estas publicacións tratan o tema 3 de inglés como primeira lingua estranxeira para o segundo curso da ESO. Trátase dun curso de nivel medio-baixo, no que o alumnado aínda está consolidando coñecementos básicos para poder meterse de cheo xa en saberes dun nivel superior. Por iso, terase en conta que a estas idades se atopan en diferentes niveis de desenvolvemento cognitivo e non se introducirá contido totalmente novo de golpe, senón que terá unha implantación gradual xunto con contidos de repaso.

Unha das primeiras actividades a realizar na aula será a busca de información en grupo a través de páxinas web. Cada grupo deberá escoller un país (non poderá haber coincidencias) e obter información da súa tradición culinaria. Durante o proceso deberán buscar tamén todo o vocabulario en lingua inglesa que non coñezan sobre o tema, xa que despois terán que facer unha mini presentación para o resto da clase. 

Despois das presentacións continuaremos con actividades interactivas. Esta dinámica pretende favorecer a  concentración do alumnado ao tratarse dunha aula onde varios alumnos e alumnas están diagnosticades con TDAH. Estas actividades son dinámicas, de curta duración e con contidos variados entre as tres.

A primeira trátase dun mapamundi interactivo para localizar países. A docente proxectará o mapa á aula, e desde os grupos, deberán traballar conxuntamente para dar as correctas indicacións en inglés que leven á docente a xuntar o número co seu país correspondente. Así practican indicacións de dirección, preposicións e adverbios de lugar á vez que se familiarizan co nome dos países en inglés.

Na segunda actividade aproveitarase para introducir novo vocabulario da cociña, co gallo de estarmos tratando o tema dos alimentos. Consistirá nun exercicio interactivo de resposta múltiple, no que completarán frases con vocabulario. Farase de xeito individual.

A terceira actividade servirá para practicar vocabulario e o presente perfecto de xeito introdutorio, xa que será visto en maior profundidade conforme avance o curso. Haberá unha serie de oracións que deberán completar co seu verbo correspondente e tamén será individual.

Finalmente, para que o noso alumnado non perda a interese e goce desta clase de xeito máis dinámico, engadiranse ao blog novas actividades. Posiblemente un videoquizz, xa que foi un dos métodos interactivos non usados ata agora. Na infografía final veranse listados todos os novos saberes empregados neste tema. Grazas e esperamos que vos guste!

Terceira actividade

Segunda actividade

Benvides

Benvides!