Como xa puidestes ver na infografía e nas tres publicacións que lle seguen, estas publicacións tratan o tema 3 de inglés como primeira lingua estranxeira para o segundo curso da ESO. Trátase dun curso de nivel medio-baixo, no que o alumnado aínda está consolidando coñecementos básicos para poder meterse de cheo xa en saberes dun nivel superior. Por iso, terase en conta que a estas idades se atopan en diferentes niveis de desenvolvemento cognitivo e non se introducirá contido totalmente novo de golpe, senón que terá unha implantación gradual xunto con contidos de repaso.
Unha das primeiras actividades a realizar na aula será a busca de información en grupo a través de páxinas web. Cada grupo deberá escoller un país (non poderá haber coincidencias) e obter información da súa tradición culinaria. Durante o proceso deberán buscar tamén todo o vocabulario en lingua inglesa que non coñezan sobre o tema, xa que despois terán que facer unha mini presentación para o resto da clase.
Despois das presentacións continuaremos con actividades interactivas. Esta dinámica pretende favorecer a concentración do alumnado ao tratarse dunha aula onde varios alumnos e alumnas están diagnosticades con TDAH. Estas actividades son dinámicas, de curta duración e con contidos variados entre as tres.
A primeira trátase dun mapamundi interactivo para localizar países. A docente proxectará o mapa á aula, e desde os grupos, deberán traballar conxuntamente para dar as correctas indicacións en inglés que leven á docente a xuntar o número co seu país correspondente. Así practican indicacións de dirección, preposicións e adverbios de lugar á vez que se familiarizan co nome dos países en inglés.
Na segunda actividade aproveitarase para introducir novo vocabulario da cociña, co gallo de estarmos tratando o tema dos alimentos. Consistirá nun exercicio interactivo de resposta múltiple, no que completarán frases con vocabulario. Farase de xeito individual.
A terceira actividade servirá para practicar vocabulario e o presente perfecto de xeito introdutorio, xa que será visto en maior profundidade conforme avance o curso. Haberá unha serie de oracións que deberán completar co seu verbo correspondente e tamén será individual.
Finalmente, para que o noso alumnado non perda a interese e goce desta clase de xeito máis dinámico, engadiranse ao blog novas actividades. Posiblemente un videoquizz, xa que foi un dos métodos interactivos non usados ata agora. Na infografía final veranse listados todos os novos saberes empregados neste tema. Grazas e esperamos que vos guste!
Ningún comentario:
Publicar un comentario