Máis alá do marco. Tema 2, coa profesora Carla

No segundo tema da materia das Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional tratáronse en detalle os pormenores do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. Do mesmo xeito que o continente europeo vén levando a cabo un proxecto de integración desde os anos 50 en múltiples aspectos como a enerxía, o comercio, a circulación de persoas e mesmo o sistema político e de goberno, procedeuse a establecer uns estándares que permitisen unificar os criterios para determinar o nivel lingüístico de calquera persoa. O obxectivo desta entrada non é dar un resumo do marco como xa tratamos na aula, senón que pretende afondar no feito de que existan probas diferenciadas para escolas e introducir brevemente detalles das linguas de signos que deberían ser coñecidos por calquera aspirante a docente de linguas estranxeiras.

É certo que ao sermos estudantes das carreiras de Linguas Estranxeiras, Filoloxía e Tradución xa contabamos con coñecementos básicos sobre o máis ccoñecido do marco: os famosos niveis marcados por letras e números (A1, A2, B1, B2, C1 e C2), os cales sempre viñan determinados nas guías docentes para informar do nivel requirido para unha materia. Ademais diso, moitas de nós xa aprenderamos sobre isto na ESO e no Bacharelato, sobre  todo se no noso centro había docentes con implicación na organización dos propios exames.

O tema anteriormente mencionado lévanos a unha das diferenzas máis notorias que existen nas probas de nivel de linguas: non son iguais para todas as idades. Así, dase a curiosidade de que as probas que docentes de instituto ofrecen facer non son as mesmas que calquera adulto prepara por exemplo nunha academmia. Isto débese a que a idade dunhe aspirante pode determinar fortemente os resultados da proba segundo as súas propias capacidades e o seu grao de desenvolvemento cognitivo. Por conseguinte, existen certas temáticas que non é adecuado incluir nun exame para alguén de 15 anos, tales como asuntos de política ou de negocios, xa que carecerá de coñecementos para poder desenvolver todo adecuadamente. 

Unha vez establecida a razón da existencia destas probas diferenciadas para escolas, cabe preguntarse ata que idade se recomendan e é posible que tamén xurda a dúbida acerca de se son máis doadas que as deseñadas para idade adulta. Pois ben, como se explica nesta páxina específica sobre os exames de Cambridge non, non supoñen redución ningunha do nivel de dificultade ou de complexidade lingüística, senón que o que fan é adaptarse mellor á contorna cotiá daquela persoa aspirante. De feito, á hora de obter o título, non figurará se a modalidade de exame realizada foi para menores ou maiores de 18 anos (a idade máxima ata a que se recomendan as probas para escolas), senón que só figurará o nivel da proba superada. 

Malia que o exemplo tratado foi o de Cambridge, estas probas diferenciadas para escolares existen tamén nas certificacións oficiais doutras linguas, como no DELE ou no DELF, entre outras. Posiblemente a existencia destas probas se deba a que cada vez con máis frecuencia se está a introducir e mellorar o ensino de linguas estranxeiras en etapas educativas máis temperás. Porén, considero que esta proliferación das probas de nivel en alumnado cada vez de menor idade pode non ser o mellor modelo de ensino dunha lingua nun colexio ou instituto. Se nos centramos xa en idades como os 10 ou os 12 anos na preparación dun exame corremos o risco de non deixar tempo para a realización doutra clase de actividades máis innovadoras na aula. Cómpre ter en conta que as horas da materia son limitadas, e que a función dunhe docente non debería estar centrada nunha proba externa, xa que se corre o risco de que o alumnado acabe aprendendo a aprobar un exame e non realmente unha lingua nova. 

Xa movéndonos a un tema diferente, a lingua de signos foi outro aspecto mencionado sutilmente na aula durante a segunda unidade. Na meirande parte das ocasións, ao pensarmos nas linguas que referencia o marco e que se inclúen como primeira ou segunda estranxeira no currículo da ESO, esquecemos por completo a lingua de signos. Como esta unidade non trata sobre deseño curricular (para iso, véxase o tema 5), non afondaremos na lingua de signos no currículo, senón nalgunhas xeneralidades. 

Como sinala a web da Confederación Estatal de Persoas Xordas, non existe unha única variedade de lingua de signos a nivel mundial; esta conta con diferentes variedades como poden ser a española, a catalá, ou a estadounidense, todas elas inintelixibles entre si. De feito, estas foron orixinándose a través de diferentes familias lingüísticas. Así, atopamos casos como que a variedade tailandesa e a española proceden da mesma familia, mentres que a portuguesa e a británica son totalmente diferentes ao seren orixinadas de familias sen conexión ningunha entre si. Por último, cómpre mencionar que a súa situación legal varía moito segundo o país, xa que mentres por exemplo Nova Zelandia recoñece a súa lingua de signos como oficial, esta situación aínda é excepcional nun mundo obsesionado coa aprendizaxe das linguas, pero que mantén ás linguas signadas excluídas como se pertencesen só a unha minoría. É por isto que considero esta situación como digna de reflexión non só para aspirantes a docentes, senón tamén para as autoridades reguladoras do sistema educativo. 


A xenoglosofobia, en que consiste? Tema 1, coa profesora Carla


Ao longo da nosa vida imos descubrindo e atopando novos medos que, a non ser que nos coincidise coñecer a alguén da nosa contorna que os padeza, probablemente nin pensaríamos que estes existen. É común que coñezamos os máis habituais, como a claustrofobia, a agorafobia ou a fotobia, pero posiblemente moites de vós rara vez escoitastes falar da xenoglosofobia. 

Efectivamente, esta nova e longa palabra, que non debemos confundir con xenofobia malia que as dúas empecen por x, fai referencia ao medo a falar unha ou varias linguas estranxeiras. Analizando os seus compoñentes morfolóxicos, atopamos que “xeno” e “gloso” proveñen do grego e que o primeiro significa literalmente “estranxeiro” (de aí o posible recordo da xenofobia) e o segundo “idioma”. Pero, e que experimentan aquelas persoas que padecen esta fobia? Pois, como atopamos nesta páxina web, un recente estudo do ano 2020 sinala que entre os síntomas atopamos “ansiedade extrema, pavor, e calquera cousa relacionada co pánico como falta de alento, latidos irregulares no corazón, suor excesiva, náuseas, boca seca e tremores”. Sen dúbida, son síntomas para nada agradables e entre os cales seguro que atopades algún que vos resulte facilmente identificable por calquera situación que poidades ter vivido ao longo dos anos. Pero, imaxinades que isto vos pase sendo estudantes de lingua estranxeira? Pois é xustamente isto o que podería experimentar algunhe des noses estudantes; é conveniente que como futures docentes coñezamos o que implica e saibamos como actuar ante unha situación do estilo na aula. 

Cómpre ter en conta que os síntomas mencionados anteriormente non teñen por que producirse todos á vez ou no mesmo grao de intensidade en todos os casos, senón que depende e varía segundo as circunstancias persoais de cada estudante. Como se concretiza nesta web especializada en psicoloxía, a propia situación de plantexar a aprendizaxe dunha lingua allea nunha aula trátase dunha “proposta psicolóxica profundamente inquietante”, porque obriga ao estudantado a enfrontarse a unha situación na que poden perder a capacidade de comprensión, isto é, sentir unha total vulnerabilidade pola falta repentina de habilidade comunicativa. Ademais, unha lingua nova implica na meirande parte dos casos un cambio de código intercultural intenso, isto é, non é posible expresarse do mesmo xeito nunha lingua que noutra; os sentidos das palabras, por moito que conten con tradución literal na nosa lingua materna, adoitan ser percibidos de forma máis allea, o cal reforza o sentimento de atoparnos ante unha realidade á que non pertencemos. 

Este medo repentino é altamente perxudicial para o desenvolvemento do alumnado nunha aula de lingua extranxeira. Isto propicia que a consolidación de contidos base sexa especialmente difícil e os saberes facilmente esquecibles, polo que acadar o perfil de saída establecido polo currículo non sería posible de non revertirse esta dinámica. Outro dos feitos que provoca a xenoglosofia é que aquel que a padece mostre pasividade na aula e pouca ou nula participación. Isto non só implica que non se produza avance na aprendizaxe, senón que tamén pode influir negativamente na percepción que o grupo terá desa persoa concreta. Así, pode ser percibida como pouco competente, máis tensa, menos confiable e menos atractiva entre o grupo. 

O mencionado no anterior parágrafo denota que as fondas implicacións desta fobia non só afectan ao nivel de estudos, senón que tamén teñen unha forte influencia no desenvolvemento psicolóxico de quen a padece. Dado que no noso futuro como docentes estaremos máis probablemente en cursos con adolescentes que con adultos, o feito de que poidan sufrir un caso do estilo durante unha etapa xa de por si complicada na súa vida vai supor un engadido de dificultade na aula.  

Pero entón, a que se debe tratar este tema hoxe? Esta entrada enmárcase dentro do tema un da materia das Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional. Neste tema fixemos un repaso inicial sobre como ao longo dos anos as leis educativas deste país trataran ás linguas estranxeiras no sistema educativo. Durante esta explicación decatámonos que desde o ano 1900 había un patrón que se repetía en cada texto lexislativo: a importancia de que a lingua meta fose vehicular na aula de lingua estranxeira. Porén, cando nos adicamos a observar a realidade, vemos que mesmo 122 anos despois esta prerrogativa segue estando infratraballada. Malia que puidésemos pensar nun primeiro momento que a culpa é do profesorado, pódese argumentar facilmente que se recibiron educación nun sistema no que non se lle daba un trato adecuado ás linguas estranxeiras, estes non poden por si sós cambiar todo desde cero. Unha vez exposto o contraste entre o lexislativo e a realidade, na aula tratáronse outros temas que aumentan a dificultade e entre eles saíu o da xenoglosofobia. É un tema do que nunca escoitara falar no Grao en Linguas Estranxeiras, porén considero que calquera aspirante a docente debe coñecelo e por iso me propuxen afondar un pouco nel. 


Actividade extra!

 Este código QR agocha un quizz interactivo feito con Kahoot para o noso curso de inglés como primeira lingua estranxeira en segundo da ESO. Consiste de opcións de escolla múltiple para completar frases con expresións idiomáticas referidas ás cores. Esta actividade é dun nivel superior ao esixido no curso, polo que se enmarca dentro das actividades de ampliación curricular nesta unidade

Contextualización das actividades para 2º da ESO

Como xa puidestes ver na infografía e nas tres publicacións que lle seguen, estas publicacións tratan o tema 3 de inglés como primeira lingua estranxeira para o segundo curso da ESO. Trátase dun curso de nivel medio-baixo, no que o alumnado aínda está consolidando coñecementos básicos para poder meterse de cheo xa en saberes dun nivel superior. Por iso, terase en conta que a estas idades se atopan en diferentes niveis de desenvolvemento cognitivo e non se introducirá contido totalmente novo de golpe, senón que terá unha implantación gradual xunto con contidos de repaso.

Unha das primeiras actividades a realizar na aula será a busca de información en grupo a través de páxinas web. Cada grupo deberá escoller un país (non poderá haber coincidencias) e obter información da súa tradición culinaria. Durante o proceso deberán buscar tamén todo o vocabulario en lingua inglesa que non coñezan sobre o tema, xa que despois terán que facer unha mini presentación para o resto da clase. 

Despois das presentacións continuaremos con actividades interactivas. Esta dinámica pretende favorecer a  concentración do alumnado ao tratarse dunha aula onde varios alumnos e alumnas están diagnosticades con TDAH. Estas actividades son dinámicas, de curta duración e con contidos variados entre as tres.

A primeira trátase dun mapamundi interactivo para localizar países. A docente proxectará o mapa á aula, e desde os grupos, deberán traballar conxuntamente para dar as correctas indicacións en inglés que leven á docente a xuntar o número co seu país correspondente. Así practican indicacións de dirección, preposicións e adverbios de lugar á vez que se familiarizan co nome dos países en inglés.

Na segunda actividade aproveitarase para introducir novo vocabulario da cociña, co gallo de estarmos tratando o tema dos alimentos. Consistirá nun exercicio interactivo de resposta múltiple, no que completarán frases con vocabulario. Farase de xeito individual.

A terceira actividade servirá para practicar vocabulario e o presente perfecto de xeito introdutorio, xa que será visto en maior profundidade conforme avance o curso. Haberá unha serie de oracións que deberán completar co seu verbo correspondente e tamén será individual.

Finalmente, para que o noso alumnado non perda a interese e goce desta clase de xeito máis dinámico, engadiranse ao blog novas actividades. Posiblemente un videoquizz, xa que foi un dos métodos interactivos non usados ata agora. Na infografía final veranse listados todos os novos saberes empregados neste tema. Grazas e esperamos que vos guste!

Terceira actividade

Benvides

Benvides!