Ola de novo, a estas intempestivas horas da madrugada vén outra entrada dun novo tema. Neste caso é o tema número once da materia Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras, chamado A avaliación na aula de linguas estranxeiras.
A clase comezou cunha explicación teórica sobre os diferentes tipos de avaliación que existen segundo o momento de realización: inicial, formativa e sumativa. Aínda que xa coñeciamos estes tipos de avaliación a través das clases de deseño curricular do primeiro mes do mestrado, fomos afondando un pouco máis nas súas características. É aquí o punto onde vexo que hai contidos que se repiten neste mestrado pero, malia iso, comprendo a importancia das avaliacións porque terán un papel maiúsculo na nosa futura práctica docente. Botando o ollar anos atrás, na miña etapa da secundaria e Bacharelato boto moito en falta a existencia de avaliacións diagnósticas. Se ben son cursos nos que o alumnado pode estar en niveis diferentes, especialmente nos primeiros anos da ESO, penso que os cursos se poderían ter aproveitado mellor se quen os impartía coñecese o nivel xeral do que partiamos. Por exemplo, no caso do inglés, lembro que había cursos nos que estabamos a repetir simplemente contidos de anos anteriores, e o mesmo noutros como lingua castelá, entre outros. Creo que se debe a unha mala planificación do currículo así como ás excesivas ratios de alumnado por aula, as cales facían imposible unha atención personalizada. Quizáis xa por iso a idea de comezar o curso cunha pequena avaliación estaba totalmente desbotada.
Respecto aos outros tipos de avaliacións, creo que non hai moito comentario que engadir acerca da formativa, como todas as persoas coñecemos os beneficios dun sistema continuo de avaliación. Ao igual que a diagnóstica, permite observar a evolución do alumnado e o seu grao de adquisición da lingua estranxeira no noso caso docente particular. E que pasa coa avaliación final, considéroa problemática? Pois dando unha resposta moi galega, penso que isto depende do uso que se lle dea. Así, temos casos nos que a avaliación final a través dun exame supón o aprobado ou non dunha materia mesmo seguindo unha modalidade de avaliación continua, o cal mostra un desfase entre a realidade diaria e evolución do alumnado e o que poden facer en cincuenta minutos. Porén, cando o peso en relación á nota final é proporcionado e razoable paréceme un bo método para avaliar. Pero… e que pasaría de eliminarmos unha proba final de avaliación? Pois seguiriamos tendo unha avaliación final (sempre e cando a materia teña nota final) obtida a partir dos resultados do traballo avaliado de forma continua. Vaia lío, non? Pois agardade a ler os criterios de avaliación no currículo e comprendelos á primeira.
Con respecto ao último comentario en tono gracioso, gustariame mencionar que, a raíz do tema da avaliación, esta está descrita a través de obxectivos e descritores no decreto que regula o currículo de cada etapa de secundaria. Porén, como analizamos con outro docente desta materia, moitas veces a redacción presenta un desfase entre o que sería o ideal e o razoable segundo o nivel real de cada etapa, polo que cómpre facer unha revisión e actualización dos mesmos de acorde á realidade para tamén mellorar o sistema de avaliación. Aproveito este pequeno paréntese/reflexión para introducir outro tema tratado na aula: os descritores operativos. E en que consisten? Pois serven para relacionar os obxectivos de avaliación coas competencias introducidas pola LOMLOE, de xeito que se poida medir ata que punto son incluídas na materia. O problema é que ao igual que nos obxectivos acho que unha redacción máis sinxela e realista sería apropiada para o ben do sistema.
Despois desta parte vén outra igual de importante, que son as rúbricas. Basicamente para que unha avaliación poida chegar a bo porto, estas son imprescindibles. Como nos conta esta web de educación, estas serven non só como unha guía para que a persoa encargada da materia avalíe, senón tamén como un xeito claro de mostrarlle ao alumnado que os resultados da súa aprendizaxe non só veñen en forma de nota e que tamén poden estar perfectamente desglosados. É dicir, as notas non son números saídos do ceo, aínda que poidamos pensar que algunha que outra docente fai iso; os números ou letras das notas son o resultado dunha serie de destrezas que poden estar mellor ou peor dominadas. Neste sentido pareceume interesante o feito de que tivésemos que deseñar unha rúbrica para a actividade que pensáramos no tema anterior de mediación. Grazas a isto aprendimos a diferenza entre as rúbricas “de verdade” e as falsas rúbricas, así como a importancia dos verbos empregados en cada apartado.
Como vedes, este tema foi todo de aspectos de avaliación, e complementario ao que aprendéramos en deseño curricular, materia na cal nunca tratamos a parte das rúbricas. Penso que o feito de que tivésemos que deseñar nós a rúbrica e outros aspectos da avaliación das nosas actividades do tema anterior foi o método ideal para meternos de cheo neste tema. Se unha imaxe vale máis que mil palabras, neste caso, unha práctica vale máis que mil teorías. Ata pronto!
Velaí vai a copia da rúbrica que deseñamos Blanca, Joaquín e mais eu:
4 comentarios:
Boas, Marta! Eu, coma ti (ainda que algúns anos atrás hehe), tamén botei en falta unha avaliación diagnóstica na miña secundaria. Paréceme unha ferramenta moi interesante para ver de onde se parte e así poder aplicar criterios para mellorar a aprendizaxe. Pode que sexa polos motivos que das ti (a ratio, mala planificación curricular), ou simplemente por falta do interese do profesorado ou un ensino máis teórico. Por outra banda, tamén penso que se esa avaliación parte só dunha nota final non só se valora o esforzo do alumnado ao longo da materia e ademais poden influír outros factores: hai xente que memoriza ben e outra non, podes ter un mal día, ou estar nervioso/a e xogalo todo aí. Non vexo que realmente así se demostre que o alumnado saiba e estou a favor dunha avaliación máis "holística" e, penso, que máis ecuánime tamén.
Respecto ao currículo, ben difícil é entendelo aínda que esa redacción mostre o desfase entre o ideal e razoable, coma ti ben dis. E sobre a redacción dos descritores, o mesmo: Non sei se o motivo deste tipo de redacción e permitirlle máis "manga ancha" ao docente, pero ten moi pouca lexibilidade (algo que por outra parte adoita ocorrer na linguaxe administrativa). Por último, sobre a creación da nosa rúbrica, o feito de facela nós mesmos, formulala e equivocarnos, pagou moito máis a pena que un simple contido teórico. Saudiña!
¡Hola Marta! Primeramente tengo que decir que me ha gustado mucho tu entrada del tema 11. Me ha parecido que presenta una estructura muy clara, muy bien estructurada y con un lenguaje original y llamativo. Estoy de acuerdo contigo en que ciertos contenidos se repiten y ya los hemos tratado en otras asignaturas. Sin embargo, como tú bien dices, la evaluación es vital para la elaboración de nuestras programaciones didácticas, por ello su gran relevancia. Considero que aunque no son contenidos novedosos, a mí personalmente me han ayudado a entender mejor este apartado en particular, por lo tanto agradezco que hayamos ahondado más aún en este temario y hablado más en detalle de cada una de las distintos tipos de evaluación. También concuerdo contigo en lo de echar en falta las evaluaciones diagnósticas. Al igual que tú, pienso que igual haría falta una evaluación previa del nivel de cada estudiante de forma individualizada, pero teniendo en cuenta el gran ratio de estudiantes por aula, esta atención tan personalizada e individualizada se ve como algo prácticamente utópico en la mayoría de las instituciones.
Muchísimas gracias por esta entrada tan interesante que me hizo reflexionar, Marta. ¡Saludos!
Ola, Marta! Gustoume moito a túa entrada. Creo que estaba moi ben explicada e ordeada de acordo cos contidos impartidos na aula e que contiña moitas ideas interesantes e que che facían reflexionar.
Concordo contigo e cos compañeiros e compañeiras que comentaron na importancia da avaliación diagnóstica. Tamén eu, estou de acordo en que esta etapa sería moito máis fácil e que se lle sacaría maior partido se se aplicase esta avaliación ao principio do curso. Como ti dis, estes son cursos (especialmente primeiro da ESO, no que o alumnado provén de distintos colexios) nos que se xunta moito alumnado con niveis distintos da lingua estranxeira. Eu recordo que no referente ao inglés da etapa da ESO, acabábase, por defecto, adoptando un nivel intermedio que non se axustaba a ningún dos que había na aula (obviamente, como ti dis, desbotando totalmente a avaliación diagnóstica). Isto é, era demasiado alto para os e as que lle custaba un pouco e demasiado baixo para os e as que ibamos un máis adiantados.
Desgraciadamente, creo que a pesar da importancia desta avaliación, este vai ser un reto que non teña fácil solución. Terase que propoñer algunha alternativa ademáis das xa plantexadas (sen moito resultado) e intentar traballar para intentar melloralo.
Grazas pola entrada!
Ola, Marta! Gustoume moito a túa entrada, está completa e ben explicada. Concordo contigo no que dis sobre as avaliacións de diagnóstico. Ao longo da miña etapa educativa ocorreume o mesmo, había materias como no caso de inglés e de francés nos que se daba sempre o mesmo en todos os niveis. Ben é certo que ás veces precisamos “refrescar” contidos, mais isto non era así e chegaba a ser repetitivo, aburrido e desmotivante para o alumnado.
Tocando o punto das avaliación finais que mencionas, estou de acordo en que se o peso do exame en relación á nota é razoábel non tería problema en facelo, mais penso que coa avaliación formativa o alumnado tende a aprender moito máis e nós estamos a facer o mesmo, avaliar as actividades de forma continua para que obteñan unha cualificación e, na miña opinión, o alumnado está máis motivado pois non teñen que aprender un determinado temario e “soltalo” no exame. Non obstante, penso que se o que se busca é levar unha avaliación formativa é necesario o feedback é dicir, retroalimentar ao alumnado, comentarlles e explicarlles as cousas que fixeron ben e as que é preciso que melloren para a próxima.
Grazas pola túa entrada
Saudiña!
Publicar un comentario