Ola de novo, a estas intempestivas horas da madrugada vén outra entrada dun novo tema. Neste caso é o tema número once da materia Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras, chamado A avaliación na aula de linguas estranxeiras.
A clase comezou cunha explicación teórica sobre os diferentes tipos de avaliación que existen segundo o momento de realización: inicial, formativa e sumativa. Aínda que xa coñeciamos estes tipos de avaliación a través das clases de deseño curricular do primeiro mes do mestrado, fomos afondando un pouco máis nas súas características. É aquí o punto onde vexo que hai contidos que se repiten neste mestrado pero, malia iso, comprendo a importancia das avaliacións porque terán un papel maiúsculo na nosa futura práctica docente. Botando o ollar anos atrás, na miña etapa da secundaria e Bacharelato boto moito en falta a existencia de avaliacións diagnósticas. Se ben son cursos nos que o alumnado pode estar en niveis diferentes, especialmente nos primeiros anos da ESO, penso que os cursos se poderían ter aproveitado mellor se quen os impartía coñecese o nivel xeral do que partiamos. Por exemplo, no caso do inglés, lembro que había cursos nos que estabamos a repetir simplemente contidos de anos anteriores, e o mesmo noutros como lingua castelá, entre outros. Creo que se debe a unha mala planificación do currículo así como ás excesivas ratios de alumnado por aula, as cales facían imposible unha atención personalizada. Quizáis xa por iso a idea de comezar o curso cunha pequena avaliación estaba totalmente desbotada.
Respecto aos outros tipos de avaliacións, creo que non hai moito comentario que engadir acerca da formativa, como todas as persoas coñecemos os beneficios dun sistema continuo de avaliación. Ao igual que a diagnóstica, permite observar a evolución do alumnado e o seu grao de adquisición da lingua estranxeira no noso caso docente particular. E que pasa coa avaliación final, considéroa problemática? Pois dando unha resposta moi galega, penso que isto depende do uso que se lle dea. Así, temos casos nos que a avaliación final a través dun exame supón o aprobado ou non dunha materia mesmo seguindo unha modalidade de avaliación continua, o cal mostra un desfase entre a realidade diaria e evolución do alumnado e o que poden facer en cincuenta minutos. Porén, cando o peso en relación á nota final é proporcionado e razoable paréceme un bo método para avaliar. Pero… e que pasaría de eliminarmos unha proba final de avaliación? Pois seguiriamos tendo unha avaliación final (sempre e cando a materia teña nota final) obtida a partir dos resultados do traballo avaliado de forma continua. Vaia lío, non? Pois agardade a ler os criterios de avaliación no currículo e comprendelos á primeira.
Con respecto ao último comentario en tono gracioso, gustariame mencionar que, a raíz do tema da avaliación, esta está descrita a través de obxectivos e descritores no decreto que regula o currículo de cada etapa de secundaria. Porén, como analizamos con outro docente desta materia, moitas veces a redacción presenta un desfase entre o que sería o ideal e o razoable segundo o nivel real de cada etapa, polo que cómpre facer unha revisión e actualización dos mesmos de acorde á realidade para tamén mellorar o sistema de avaliación. Aproveito este pequeno paréntese/reflexión para introducir outro tema tratado na aula: os descritores operativos. E en que consisten? Pois serven para relacionar os obxectivos de avaliación coas competencias introducidas pola LOMLOE, de xeito que se poida medir ata que punto son incluídas na materia. O problema é que ao igual que nos obxectivos acho que unha redacción máis sinxela e realista sería apropiada para o ben do sistema.
Despois desta parte vén outra igual de importante, que son as rúbricas. Basicamente para que unha avaliación poida chegar a bo porto, estas son imprescindibles. Como nos conta esta web de educación, estas serven non só como unha guía para que a persoa encargada da materia avalíe, senón tamén como un xeito claro de mostrarlle ao alumnado que os resultados da súa aprendizaxe non só veñen en forma de nota e que tamén poden estar perfectamente desglosados. É dicir, as notas non son números saídos do ceo, aínda que poidamos pensar que algunha que outra docente fai iso; os números ou letras das notas son o resultado dunha serie de destrezas que poden estar mellor ou peor dominadas. Neste sentido pareceume interesante o feito de que tivésemos que deseñar unha rúbrica para a actividade que pensáramos no tema anterior de mediación. Grazas a isto aprendimos a diferenza entre as rúbricas “de verdade” e as falsas rúbricas, así como a importancia dos verbos empregados en cada apartado.
Como vedes, este tema foi todo de aspectos de avaliación, e complementario ao que aprendéramos en deseño curricular, materia na cal nunca tratamos a parte das rúbricas. Penso que o feito de que tivésemos que deseñar nós a rúbrica e outros aspectos da avaliación das nosas actividades do tema anterior foi o método ideal para meternos de cheo neste tema. Se unha imaxe vale máis que mil palabras, neste caso, unha práctica vale máis que mil teorías. Ata pronto!
Velaí vai a copia da rúbrica que deseñamos Blanca, Joaquín e mais eu: